Comentarios
A través do fragmento dunha arcada de pedra contemplámo-lo mar, por onde navega un barquiño prateado, moi preto da espiral que se xera no centro do cadro. A arquitectura introdúcese na composición, de forma inclinada e inestable, coma se se tratase dun efecto óptico provocado polo movemento da auga. Sobre o pantalán resalta unha pequena figura feminina descalza, que se incorpora ó cadro como unha visión, como unha lembranza. O pintor integra na obra unha serie de elementos reais engadidos, producidos industrialmente, colocándose na liña que abriran os cubistas, enlazando con Duchamp, sen que a obra chege a perde-lo carácter ilusorio do cadro. A espiral é un dos signos que, procedendo da simboloxía popular, o artista recupera pasando a formar parte da súa iconografía persoal.