PASEO ALFONSO (SERIE VIGO)
- INV:
- 2584
- Año de creación:
- 2001
- Dimensiones:
- 52 x 72 x 0
- Técnica:
- Acrílico sobre cartón
Comentarios
A Serie Vigo supón un reto e unha innovación abrindo un novo camiño de experimentación no traballo do autor, que nunca antes se achegara á paisaxe cunha mirada tan certeira e espida.Sobre a base de cartón, Rafael Freijeiro desprega a súa visión da cidade de Vigo, que se presenta como unha urbe gris, nebulosa, chea de misterio.
A composición goza en todo momento do ton acartonado do fondo sobre o que o debuxo, de trazo firme e seguro, describe minuciosamente os diferentes enclaves simbólicos e representativos da cidade olívica.
As cores empregadas redúcense ó branco, o gris e o negro. O branco retrata a paisaxe e os edificios deixando respirar a base mentres que o gris, plomizo e denso, domina o aire conferindo á atmosfera da cidade un aspecto cargado e espeso. A sensación de luz queda conseguida polo emprego de cores claras e o xogo ondulado do cartón de fondo.
O debuxo sostén a obra, a liña capta a verticalidade da arquitectura, o conglomerado de embarcacións na zona portuaria, a vexetación do Castro, pero é a cor a que define realmente a serie, case a non cor coa que o autor recrea a cidade outorgándolle, a pesar do ton gris que correspondería a unha urbe moderna e industrial, un aspecto etéreo e poético, a realidade dun Vigo Atlántico.