LINO LAGO
Lago, Lino
( Redondela, Pontevedra, 1973 )
Biografía
A súa vocación artística nace moi cedo; el mesmo afirma: «nunca pensé en otra cosa que ser artista». É licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. Realiza a súa primeira exposición individual en 1997 na sede de Caixavigo en Vigo cando aínda era estudante universitario, e desde entón expuxo tanto a título individual coma colectivo en espazos de renome nacionais e internacionais coma a Casa de Galicia en Madrid, o Flint Institute de Michigan ou a George Adams Gallery de Nova York. Así mesmo participou en importantes feiras entre as que destacan ARCO, Art Miami, Art Paris e Art Fair SH Contemporary 09 de Shangai. Conta cunha recoñecida traxectoria internacional e recibiu destacados premios como a mención de honor no Museo Thyssen de Madrid no certame de pintura organizado pola Fundación das Artes e dos Artistas de Barcelona ou a mención de honor no XXIV Premio BMW de Pintura. A súa última serie Fake Abstract protagonizou campañas publicitarias e apareceu en diversas portadas de libros, así como na revista Fuera de Serie, e en prestixiosas publicacións internacionais como The New York Times Magazine, Elle USA ou Vogue Italia. A súa obra encóntrase representada en coleccións como a del Flint Institute of Arts (EE.UU.), Harvard Business School (Boston, EE.UU.), Museu Europeu d´Art Modern, Banco Central Hispano ou a de Paradores.
Lino Lago busca a inspiración na vida cotiá —noticias, xente da rúa, etc.— para crear unha obra chea de misterio e incerteza cunha gran carga conceptual. Antepón a súa visión, irónica e crítica, das distintas cuestións que lle interesan —ben sexa a importancia da arte ou o movemento animalista, entre outros— ao seu innegable dominio dos elementos formais e estéticos, e crea un imaxinario propio inconfundible. O seu traballo caracterízase pola súa diversidade, pois acostuma a traballar paralelamente en diferentes series, non obstante, ideoloxicamente a súa obra pódese entender como unitaria e absolutamente coherente, posto que todo nace dunha crítica e dun compromiso coa realidade actual. Son imaxes que parecen cuestionarse a si mesmas nunha especie de arrepentimento para dar paso a algo diferente, pois introduce habitualmente un elemento que inquieta ou perturba como bolboretas, borranchos, textos intrusivos ou manchas; gústalle a provocación, as grosarías e os pequenos actos de vandalismo —de adolescente quería ser artista de rúa, non pintor. As súas obras transcenden os prexuízos da abstracción ou figuración, pois Lago defende a validez das dúas linguaxes. Así mesmo, en ocasións, xustapón imaxes e elementos extrapictóricos que aluden á relación entre o bidimensional e o tridimensional.
Na Colección Afundación achamos dúas obras pictóricas do artista redondelán. A que leva por título Atentado pertence á serie do mesmo título na que en retratos de mestres da historia da arte que reproduce e mimetiza, ou ben en estancias clásicas, autorretratos ou outro tipo de imaxes que pinta cun virtuoso realismo, irrompen con forza e violencia un informalismo vehemente. En Atentado parece autorretratarse co torso nu e protexéndose o rostro do «ataque» dun dripping de vibrante amarelo. En Mariña pinta unha fracción de mar sen referencias espaciais —concibe a auga máis como unha abstracción— de tal xeito que busca resaltar o detalle do anecdótico, do ínfimo, ata elevalo á categoría de protagonista.
Bibliografía
LINO Lago. Pintura aparte, Casa de Galicia, Madrid, 2003.
LINO Lago. 2000-2008, Concello de Vigo, Concellería de Cultura e Animación Sociocultural, Vigo, 2008
LINO Lago, Centro Cultural, Deputación de Ourense, 2010.